Aquis Querquenis

Conxunto arqueolóxico localizado no municipio de Bande figura entre os sitios romanos máis relevantes de Galiza. Escavado por primeira vez en 1975, aínda permanece baixo terra máis da metade do conxunto, composto dun campamento militar, unha mansión viaria e varios mananciais de augas termais.Aquis Querquenis

O de Aquis Querquennis foi o campamento dunha das cohortes da lexión que controlaba a Gallaecia, a Legio VII Gemina, e un dos epicentros militares desde os que se promoveu a construción da Via XVIII ou Via Nova. Esta ruta unía as antigas capitais de Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo) atravesando a provincia de Ourense.

Data dos primeiros anos da dinastía Flavia (69-96 d.C) e responde a uns criterios xeográficos ben definidos: ten óptimas comunicacións naturais, sitúase á beira do río Limia e está próxima a un manancial de augas termais. O achado dun miliario nas proximidades do campamento serviu para dotar de nome ao conxunto: "Aquis Querquennis", é dicir, "augas dos querquennos (ou dos querquernos)", zona de fontes termais do pobo así chamado. A superficie do recinto é de dúas hectáreas e media. Na actualidade lévanse escavados e consolidados arredor de 200 metros de muralla, coas súas torres sucesivas e alternantes. Aproximadamente a metade do conxunto está aínda sen escavar, aínda que a súa morfoloxía xa se coñece debido á escasa variación estrutural que rexistraban os campamentos romanos.

Até agora foron escavadas a porta principalis sinistra e mais a porta decumana, ademais dun sector do foxo; tres barracóns -coas súas contubernia- que acollían os oitenta soldados que compuñan cada centuria, ademais das vivendas dos mandos e o patio ou impluvium; tamén están ao descuberto o hospital, composto do patio central e mais as distintas dependencias ao seu redor, e dous horrea para a almacenaxe. Recentemente exhumouse o principia ou cuartel xeral, construción medular do campamento.
A mansión viaria funcionaba como hospedaxe para os viaxeiros que percorrían a Via Nova. A ruta contaba cunha rede de mansións, separadas entre si pola distancia equivalente a unha xornada de viaxe. A de Aquis Querquennis era algo semellante a un balneario, xa que contaba con instalacións termais. Entre as construcións escavadas figura o que semella un edificio hostaleiro, dotado dun gran patio cuberto, un forno de pan, un sector destinado á hospedaxe, unha cociña e mais un patio exterior cercado provisto dun pozo para a beberaxe das bestas.
As augas termais, con multitude de mananciais, abrollan abondosas entre os restos do antigo estabelecemento termal. Tal como sucede noutros moitos puntos da provincia, estes mananciais de auga quente son empregados por moitos visitantes que lles atribúen propiedades contra as doenzas reumáticas e da pel.

 • Datos principais

Campamento romano e mansión viaria de Aquis Querquennis

N41°58'30.29'' - W7°59'01.49''

Datación

s. I - s. II

Estilo

Romano

• Datos de contacto

Porto Quintela-32840 Bande

Centro de Interpretación Aquae Querquennae
Vía Nova, Bande.
Xullo e agosto: de martes a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
Setembro a outubro: de mércores a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
Outubro a marzo: de mércores a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.
Marzo a xuño: de mércores a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
Prezo: entrada gratuíta.
Grupos: cómpre chamar e facer reserva.

Mapa localización Aquis Querquenis